/// Unha asociación, un pobo, un festival ///
- + de 50 voluntarios
-
+ SEN ánimo de lucro (organización íntegramente realizada por voluntarios, ninguén recibe ningún tipo de retribución económica)
- + 8.000 visitantes
- + 5.000m2 (recinto do festival, actividades en zonas urbanas do pobo, activades infantís, actividades culturais todo o ano) Un pobo enteiro involucrado.
- + Involucración de empresarios e organizacións do pobo
- + Grupos galegos, grupos nacionais e internacionais. E sempre, grupos de xóvenes locais! (apoio á nosa cultura).
Todo pobo e toda vila ten a súa propia idiosincrasia. Muros é unha
vila mariñeira e pequena, pero orgullosa do seu, que dende fai unhas
cantas décadas languidece víctima do illamento e da falta de
oportunidades. No censo de 1991 o concello contaba con 11.255 veciños,
segundo datos do IGE, hoxe sufre para rebasar os 8.000. Entre os
destinos deses máis de 3.000 veciños que abandoaron esta terra en busca
dun fututro mellor están Londres, Nova York, Xenebra, A Coruña ou
Barcelona. E é que non resulta doado reflotar unha poboación que
dependeu toda a vida do mar. As bakas, así chaman aquí aos arrastreiros,
van desaparecendo dos peiraos, e nos bares xa hai máis xubilados que
mariñeiros. Máis o pobo resístese á idea de que o seu futuro teña que
pasar por urbanizar esta fermosa costa con hoteis e apartamentos
adosados xa que Muros goza de ter un dos poucos núcleos arquitectónicos
declarados conxunto histórico-artístico en Galicia. Ese toque gótico
mariñeiro medieval é o que fai a Muros diferente.
Non se sabe por qué neste recuncho do país xurdiu unha cultura
musical contestataria ligada á música rock alá polos anos 90. En
cuestión de anos o pobo encheuse de bandas formadas por rapazas e
rapaces que ensaiaban nos faiados das casas ou nos sotos do porto
despois de traballar e os fins de semana. Eran tempos difíciles onde non
se podía mercar instrumentos por Internet para que chos levasen a casa a
precio “made in China”. Había que deixar o xornal en adquirir as
guitarras e as baterías e ir a buscalas a Santiago ou A Coruña. Un
periplo que aínda así moitos decidiron emprender malia as dificultades
mencionadas. Era a forma particular de protestar contra o esmorecemento
do lugar no que vivían e que, dalgunha forma, sabían que algún día
terían que deixar.
Fai agora 13 anos un grupo de mozos e mozas do concello decidiron organizar un pequeno festival de música rock
no que participaran as numerosas bandas locais que proliferaban: Os
Macarróns, Sarabanda, A Media Ghasta, Trapos Sucios, Razzia... A
experiencia, aínda que precaria, foi satisfactoria: uns pequenos cortes
de luz, algúns cables empatados con cinta americana e un son que distaba
moito de ser o dos grandes concertos e festivais da península, pero por
algo hai que empezar sempre. Aquel festival foi chamado Castelo Rock
debido a que o escenario prestado polo concello atopábase na mesma area
da Praia do Castelo, en pleno casco urbán de Muros.
O éxito do festival fixo plantexar a este grupo de mozas e mozos a
posibilidade de continuar promovendo este tipo de eventos na vila de
forma estable. A través da Asociación Cultural Recreativa e Deportiva
Praia do Castelo formalizouse unha directiva e convocouse unha bolsa de
voluntariado para organizar o festival de cara ao ano seguinte, sempre sen máis ánimo que o de dotar ao concello de Muros dun estímulo cultural alternativo e complementario
ás festas de verán e as orquestras itinerantes. Ademáis, a organización
do festival pretende dotar á mocidade muradá dunha ferramenta de
implicación nas cuestións do común no concello. Dende 2003, as
directivas fóronse sucedendo cunha constante renovación, porque do que
se trata é de facer corresponsables do proxecto ás mozas e mozas do
municipio, facerlles entender que existen formas participativas de
colaborar no progreso do seu pobo.
Desde ese punto de partida as cousas mudaron considerablemente, pero
non o espírito do festival. O Castelo é agora un evento de pago, algo
que sucede dende 2013, aínda que nin un só céntimo do que se recada vai
parar aos petos da organización. Dende a ACRD Praia do Castelo séguese a
manter o mesmo concepto inicial: un festival sen ánimo de lucro feito
polos mozos e mozas voluntarios do concello. Un traballo colectivo e
ilusionante que busque promover á cultura musical e promocionar ás
bandas locais, ao tempo que se brinda á oportunidade de que as mellores
formacións de rock, ska, punk, heavy..etc. do momento veñan a Muros e
sitúen a vila no mapa. A filosofía que guía a este espectáculo musical é
a de conxugar o mellor rock coa promoción da música en lingua galega e
servir de trampolín para as rapazas e rapaces que fan música no noso
pobo.
Castelo Rock conta xa nas súas vitrinas con 12 edicións e organiza
nestes momentos á treceava, no que será un intento de seguir crecendo e
mellorando e de demostrar que con ilusión e imaxinación se pode facer
algo grande que de visibilidade ás zonas máis esquecidas de Galicia.
Algúns dos grupos máis míticos do panorama estatal xa visitaron o porto
de Muros: Barricada, Rosendo, Los Suaves, Siniestro Total, Reincidentes, Boikot ou Soziedad Alkohólika, entre moitos outros. E por suposto, o máis destacado do panorama musical galego:
Lamatumbá, Heredeiros da Crus, Nao, Skándalo GZ, Biribirlocke, Zënzar, O
Caimán do río Tea... Moitos foron tamén os rapaces que puideron
compartir camerino coas estrelas ás que fai anos só podían ver collendo o
coche e facendo quilómetros.
“Cando se pode ver aos Heredeiros da Crus no mesmo escenario que Archivo Adxunto, uns chavaliños que cursan o bacharelato no IES Fontexería, aquelas e aqueles que traballamos arreo para que isto funcione temos a nosa recompensa gañada. Algo, en definitiva, estamos a facer ben. E iso, como di o refrán, non hai cartos que o pague”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario