luns, 28 de setembro de 2015

Seguimos a crecer

Despois duns merecidos días de vacacións e reflexión toca facer balance do Castelo Rock 2015. Moitas eran as expectativas que dende a ACRD Praia do Castelo tiñamos postas nesta edición do noso festival. Tocaba por á proba a consolidación da marca e do evento na axenda musical e cremos que se cumpriron sobradamente ditas aspiracións. O Castelo é xa un festival referente no panorama galego e con forte repercusión no resto do Estado. Proba delo son o crecente número de visitantes que recibimos, non só de toda Galicia, senón de alén do Cebreiro: Sevilla, Logroño, Iruña, Asturias, Vallecas, Cáceres, Donosti..,  e máis.

Nestas 11 edicións o Castelo Rock viviu momentos apoteósicos, coma o 2008, cando se solapou co concerto de Rosendo abarrotando o recinto portuario de Muros. E outros non tan bos, como a ausencia do 2011, para terminar por comezar a cobrar entrada no festival aló polo 2013. Pero lonxe do que no seu momento parecía unha debilidade, aquelo converteuse nunha fortaleza. O Castelo foi transicionando cara un festival onde o público se foi especializando paseniñamente ata acadar os niveis de afluencia dauquela última edición de balde no 2008, cando se acadaran por primeira vez os 4.000 asistentes. O CR2015 acadou novamente ese teito coa diferenza cualitativa de que agora o evento era de pago como a meirande parte dos festivais da axenda musical.

Hoxe pódese decir con orgullo que o Castelo é o evento máis significativo, xa non da tempada estival, senón de todo o ano para Muros e o seu concello. As preto de 8.000 persoas que ateigaron a vila durante a fin de semana do 7 e 8 de agosto de 2015 dan boa conta delo. Pero o certo e que a marca Castelo Rock non existiría sen Muros, e viceversa. Só unha vila cunha consolidada tradición rockeira dende fai xa case 30 anos e máis dunha veintena de bandas en activo na actualidade podía ter incubado un espectáculo deste tipo. Podemos dicir que o de Muros co rock 'n' roll é un idilio que ven de lonxe e o Castelo a cristalización dun latexar e dunha vontade colectiva: A Media Ghasta, Trapos Sucios, Sarabanda, Razzia, Kolisión Frontal, Os Macarróns, Alterkado, Zeros, Archivo Adxunto, Barrighada, Sozios A La Fuerza, Os Fieles, Alimaña, Os Miudos, Estampida.., e tantos máis puxeron voz a un pobo que hoxe tamén vibra con Barricada, Soziedad Alkohólika, Boikot, Siniestro Total, Los Suaves, Barón Rojo, Reincidentes, Heredeiros ou Gatillazo.

Dende a ACRD Praia do Castelo queremos dar as gracias a todos aqueles que coa súa participación desinteresada, ou ben simplemente coa súa paciencia, fixeron posibles 11 anos do mellor rock estatal na nosa vila. Tamén a aqueles pioneiros que con poucos recursos e moitísima ilusión botaron a andar isto fai xa moito tempo.., sin eles nada disto podería ter sido posible. O Castelo Rock é unha iniciativa sen ánimo de lucro que ten como único obxectivo axitar e vitalizar culturalmente o noso pobo e animar ás novas xeracións a traballar con ilusión neste proxecto colectivo. Todos os que traballamos neste festival somos voluntarios e non temos máis recompensa que a de ver os focos do escenario iluminando as milleiras de testas do público do Castelo Rock, e iso non se paga con diñeiro.