martes, 19 de xullo de 2016

PÓDESE


Un eslogan tan utilizado nos nosos tempos que xa parece un mantra de manual de autoaxuda, un trending topic carente de contido, un claim das redes sociais sen significado, pero non. O certo é que cando se quere pódese, pódese facer casi calquera cousa que un imaxine dentro da coherencia pero sempre coa necesaria dose de ensoñación: a realidade é demasiado estreita para fabricar cousas extraordinarias. No ano 1998 cando o single Gimme the power reventaba as listas de ventas en España, Estados Unidos e toda Latinoamérica, non había mozo ou moza en Muros que non tivese un CD na casa ou un cassette pirata no walkman con este himno da banda mexicana Molotov. Os temas do Donde jugarán las niñas non tardaron en saltar dos reproductores da xente aos das discotecas e pubs da vila.. sí, había discotecas en Muros. Quen naquela época podía pensar en ver aos Molotov en Muros? Iso era un imposible, carecía de lóxica e fundamento pensar que unha banda internacional que conseguía discos de platino e era número un das listas fose a recalar nun concerto nunha vila pesqueira de 10.000 habitantes no finisterre peninsular. Hai quen poida pensar que 20 anos despois non é o mesmo, claro que non, non é o mesmo. Fai 20 anos Molotov podía ser unha desas bandas milagre que sacan un tema pegadizo e desaparecen despóis de gañar unha morea de cartos, pero os aztecas ronse convertendo pouco a pouco nun referente do rock latino ao longo dunha traxectoria de consolidación incuestionable, e agora enchen estadios dende Buenos Aires a Moscú. Como Molotov podemos falar de Mojinos Escozíos, que tras 20 anos de traxectoria seguen a encher os escenarios de todo o Estado co seu estilo irreverente, algo que en Galicia lles serviu para ser coñecidos como os "Heredeiros andaluces" pola súa mezcla de bo rock e actitude gamberra. Tamén era impensable fai uns anos que un artista da categoría de Muchachito puidera poñer a Muros a bailar ao son do seu rock rumbero e canalla presentando novo traballo. Hai quen pode non estar de acordo con abrir o abano de estilos no Castelo Rock, pero a realidade é que o noso festival estase a converter nun escaparate para Muros e a súa bisbarra e nunha oportunidade inigualable de disfrutar de música de nivel aquí, na porta da casa, sen ter que ir nin á Coruña, nin a Vigo, nin a Santiago, nin a Madrid, nin a Barcelona. A ACRD Praia do Castelo segue a cumprir o soño das muradás e dos muradáns amantes da boa música de poder ver en directo na súa vila a artistas de rango nacional e internacional no Castelo Rock. E diso se trataba cando comezou toda esta movida alá por 2003, de derrubar as barreiras, non só xeográficas senón tamén psicolóxicas, que impedían que Muros fose a sede dun festival de categoría. Muros sabe que cando quere pode, e iso queda demostrado na cada vez maior oferta lúdica asentada no concello, casi toda baseada en iniciativas populares: Muros Mira ao Mar, Castelo Rock, Abelleira Mariñeira ou as Carrilanas de Esteiro.  Por non falar das asociacións que fan posible o desenrolo cultural e deportivo na vila: o Clube de Remo Muros, a Sala Nasmo, Os Miúdos, Os Volantes de Baño, a ACRD Esteirana, a UD Montelouro,  a grupación folclórica Ximiela de Louro, Galania de Serres, e tantísimos outras asociacións e colectivos dos que poderiamos estar días e días falando pola súa grandísima labor. O lugar onde vivimos construiuse co traballo da xente unida e convencida, non foron os políticos, nin as institucións as que levantaron este pobo, foi a xente e o seu traballo. A vila mariñeira que viviu toda a vida do mar está feita de mulleres e homes acostumados a vogar no mesmo sentido para sobrevivir, como nunha trainera. No Castelo sucede o mesmo: Non somos 6 tolos metidos nun local facendo o festival, é Muros enteiro: os 50 e pico voluntarios que renuncian á festa e aos cacharros para traballar arreo e de balde durante dúas noites seguidas; os que axudan de forma desinteresada prestando material, con aportacións económicas ou facilitando as súas propiedades; os voluntarios e persoal de Protección Civil e emerxencias; os traballadores do porto que aguantan dous días de molestias na súa actividade; os que madrugan ao día seguinte e aturan a música ata altas horas da noite; os que difunden e comparten as nosas publicacións; os que se apuntan as pegadas nocturnas; os veciños e veciñas que mercan a camisola e a sudadeira do festival e a pasean con orgullo.. mesmo a xente do pobo que sen lle gustar esta música mercan a entrada e veñen aos concertos en familia.. Todos eles fan o Castelo Rock e todos son parte de él. Comezabamos esta entrada titulando: "Pódese", e claro que se pode. Entre todos podemos facer deste pequeno concello un lugar enorme. É cuestión de crer, é cuestión de querer.